Sen meterme en grandes fonduras sobre leis de educación, gustaríame tratar este tema, falar sobre certas carencias que ten o sistema educativo do Estado Español e a Sociedade Galega con respecto ao tema que nos interesa.
Moitos alumn@s chegan á ensinanza secundaria con problemas para sacar adiante a materia de Educación Visual e Plástica. Para comprender ou facer análise sobre calquera obra de arte ou movemento artístico que comece a partires das Vangardas Históricas cara adiante. Esta carencia tradúcese, posteriormente, en adultos afastados de calquera realidade artística contemporánea. Tratarei de analisar de porqué isto ocorre, así centrareime en tres eixos:
1- A formación do profesorado
2- A formación do alumnado
3- A sociedade galega
1- O profesorado que imparte a materia de plástica na ensinanza primaria non ten unha formación específica nesta área. No grao de Mestría non existe unha Especialidade para a Plástica e a Educación Visual. Calquera outra área do coñecemento si a ten, Inglés, Matemáticas, Música, Linguas, Ximnasia...,etc. Isto tradúcese en que temos mestras/es impartindo esta materia durante cinco anos (6-11 educación primaria), sen ningún tipo de recurso formativo para poder transmitirlle ás súas alumnas/os os coñecementos e as ferramentas dentro desta área. Todo o que poidan facer dependerá do grao de implicación e conciencia que teña a mestre ou mestre, para que as súas alumn@s poidan adquirir os coñecementos precisos.
2- O alumnado nesta etapa (6 aos 11anos) recibe unha formación mínima e carente de recursos para a súa expresión e comprensión plástica e visual. Centrada na meirande dos casos, na produción de "cousas" relacionadas coa área da plástica, máis perto das manualidades que da comprensión da expresión artística, con carencias á hora de crear recursos propios para a súa expresión plástica e con poucos coñecementos para comprender en profundidade calquera manifestación artística. Sen fomento da súa sensibilidade cara esta área da nosa cultura tan importante.
Cando o alumnado chega á etapa da educación secundaria (12 a 16 anos) atópase cun nivel de contidos que os seus coñecementos anteriores non lles permiten afrontar coa amplitude de recursos que tería que ter aprendido na etapa anterior.
Aquí quédame por falar da etapa que corresponde á formación infantil ( 0 a 5 anos) na que descoñezo se o profesorado recibe unha formación específica con respecto a esta área e o tipo de contidos que que se lles ensinan ás nenas/os nesta etapa. Etapa, na que por certo, é primordial un desenvolvemento amplo neste campo. Sen coñecer en profundidade esta etapa de formación, moito me temo, que non se cumpren en absoluto as necesidades nin do profesorado nin do alumnado.
3- Así chegamos a unha etapa adulta, onde os nosos coñecementos e sensibilidades artísticas quedaron ancorados na simple admiración pola representación figurativa da realidade. Toda expresión artística que non represente algo que nós pensamos "bonito", ou "fiel" ao que nos rodea, de seguido o tachamos de "borranchos", descualificámolo dicindo que "iso tamén o fago eu" ou... " a miña filla de tres anos faino mellor". E claro, así se traduce o interese que amosamos a sociedade na que vivimos cara esta área do noso coñecemento. Esta é a idea que lle transmitimos ás nos@s cativ@s, que están totalmente condicionad@s por este tipo de opinións que perciben da sociedade que lles rodea.
Nunha próxima publicación tratarei de dar algunhas solucións a estas cuestións